Como entidade colaboradora podes solicitar o Bono Dixital con A túa Xanela
- Que é o bono dixital?
– O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o incremento da velocidade dos xa contratados desde unha localización fixa e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerables.
– O bono dixital permitiralle ao solicitante a contratación do servizo indicado no punto anterior, tendo dereito a unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, chegando a acadar como máximo os 240 euros.
- Quen pode solicitalo?
Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.
Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se encontre en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional dalgún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando na unidade familiar o nivel de renda sexa igual ou inferior a:
1,25 veces o IPREM, se non existe unidade familiar ou non hai menores nela.
1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.
- Requisitos
En calquera caso, as persoas beneficiarias deberán estar empadroadas e ter residencia constatada polos servizos sociais comunitarios básicos en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.
Só se poderá conceder un bono dixital por persoa física e por unidade familiar. Entenderase por unidade familiar, segundo o establecido no artigo 82 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non-residentes e sobre o patrimonio:
a) A integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, se os houbese:
1.º Os fillos menores, con excepción dos que, co consentimento dos pais, vivan independentes deles.
2.º Os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
b) Nos casos de separación legal, ou cando non existise vínculo matrimonial, a formada polo pai ou a nai e todos os fillos que convivan cun ou outro e que reúnan os requisitos a que se refire a letra a) do artigo 5 desta resolución.
- Onde podo solicitalo?
As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes tamén presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
